ELI RÍOS: «DX»

DXLogo dunha novela tan realista e tan dura coma “Luns”, Eli Ríos regresa ao eido da narrativa cunha nova aposta radicalmente diferente coa que nos traslada a un futurible próximo e nos relata unha historia que camiña entre o terror e a ciencia ficción (moi na onda do catálogo habitual de Urco), cun enfoque e unha estrutura que nos fai pensar que está dirixida ao público xuvenil. Pero como acontece tantas veces, esta percepción non pode ser considerada como excluínte porque, se a analizamos en profundidade, podemos atopar un transfondo bastante interesante mesmo para un público adulto.

Situámonos nunha Coruña diferente á actual, na fin de ano de 2029. A cidade alberga unha empresa, DX, convertida nunha enorme potencia a nivel mundial da biotecnoloxía e da investigación médica. Morgan e André, que traballan en DX con diferente rango (Morgan nun dos laboratorios de investivación, André no departamento de limpeza), entablarán unha relación sentimental xusto antes de que a historia se torza e asistan ás consecuencias dunha epidemia que o trocará todo e da que non convén dar demasiadas pistas para non entorpecer a lectura.

Un dos elementos máis rechamantes deste texto é que en ningún momento existen referencias ao xénero dos protagonistas, polo que cada quen poderá imaxinar esta parella como prefira. Nin nos diálogos, nin sequera nas páxinas nas que describe os encontros sexuais entre eles, enchoupadas de erotismo, hai referencias explícitas, fuxindo sempre dunha identificación clara deles e das súas preferencias sexuais. Eli Ríos xa ten demostrado reiteradamente o seu firme compromiso coa igualdade de xénero e a defensa da muller, polo que, ao abeiro da súa traxectoria, case que poderiamos considerar este recurso como un novo paso no seu traballo. Máis aínda se pensamos que se trata dunha historia de supervivencia na que non hai heroes que salven a mulleres en apuros, senón dúas persoas que se necesitan para saír adiante. Máis nada.

Centrada a práctica totalidade da novela nestes dous personaxes, advertimos neles unha evolución constante segundo o relato vai avanzando ao vérense forzados a extraer do seu interior un instinto de supervivencia do que carecían cando chegaron a nós. Asistimos deste xeito a unha transformación tan profunda que resultan irrecoñecibles se os comparamos coa inocencia despregada nas primeiras páxinas, aínda a pesar de que toda a acción se concentra en menos de 24 horas, no cambio de ano. E é que o fondo do relato céntrase nas emocións dos protagonistas, Morgan e André, e nos sentimentos e sensacións despregados a cada novo paso que dá a historia.

A autora semella cómoda xogando coa fantasía, o que fai que esta novela teña unha lectura áxil. A pesar de que a trama tarda tempo en aparecer en toda a súa crueza, o certo é que unha vez absorvidos por ela, resulta difícil desengancharse do relato. A esta axilidade contribúen elementos como a inmediatez do tempo presente en que está narrada, o emprego dunha linguaxe directa e sen adobíos, a brevidade dos capítulos e esas incógnitas que deixa o remate de cada un deles. Pero tamén o xogo que Eli Ríos propón entre o enfoque dun narrador omnisciente e o dun dos personaxes implicados, Morgan, que se van alternando ao longo das súas páxinas.

A tolemia do poder cando chega a rozar a psicopatía, a cobiza intrínseca á condición humana, a submisión a un sistema baseado no poder e nos cartos, a rebeldía, a culpabilidade, a empatía e, por suposto, o amor, son outros dos elementos que fan desta novela unha lectura moi recomendable para calquera idade.

 

Eli Ríos

“DX”

Urco Editora

174 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s