Dúas propostas para nenos

Xa case é unha tradición que arredor destas datas adiquemos este peculiar andel aos máis pequenos da casa ou, se preferides velo así, aos Reis Magos, por se lles serve de inspiración para deixar agasallos relacionados coas nosas letras. Nesta ocasión traemos dous traballos: unha obra de teatro de Raquel Castro e unha novela de Miguel Ángel Alonso Diz, reiterando outra vez que a cualificación destes traballos como “literatura infantil e xuvenil” nunca debe ser excluínte. Estou seguro que moitos nenos adultos tamén disfrutarán con tales obras.

 

RAQUEL CASTRO: «A formiga fóra do carreiro»

Formiga.jpgRaquel Castro presenta unha nova peza teatral protagonizada por unha Formiga obreira que, cansa de carretar comida, decide saír do carreiro e buscar o seu propio destino. Nesta viaxe pola fraga onde habita atopará personaxes ben peculiares como a Araña famenta, insistente ata a teimudez en capturala nas súas redes; unha mosca aviadora que lle axudará a que iso non suceda; as Irmás Pulguini, malabaristas no Gran Circo das Estrelas, ou unha Eiruga pitonisa que rematará por se transformar en Bolboreta como número estelar da función do devandito circo.

Atopámonos, xa que logo, diante dunha Formiga inconformista co seu rol de obreira, que un día decide que ten que haber mellores opcións que a vida que leva e lánzase, arriscada, a unha aventura insegura. Ao seguir á Formiga na súa viaxe descubrimos unha fraga chea de vida e de personaxes insospeitados, que arelan axudar á protagonista na súa procura.

No fondo, todo o relato non é máis ca un achegamento á propia condición humana e a necesidade de ser un mesmo, e non un número máis. O resultado é unha historia tremendamente humana e moi suxerente, na que se poñen sobre a mesa valores como a amizade ou a solidariedade. E para iso, Raquel Castro desprega unha abundante dose de fantasía para adobiar o texto e tamén moito humor por boca dos personaxes.

Diálogos áxiles e moi divertidos fan que a lectura sexa doada e amena e que os nenos, e os non tan nenos, de seguro disfruten coa súa lectura. E se a todo iso lle engadimos unhas ilustracións orixinais e moi expresivas, que semellan dialogar co texto, amais de complementalo, coido que o traballo resultará interesante para calquera que decida achegarse a el.

Raquel Castro

«A formiga fóra do carreiro»

Ilustracións de Ángela Álvarez Paula

Galaxia

128 páxinas

 

MIGUEL ÁNGEL ALONSO DIZ: «Música no faiado»

faiadoLucía e Miguel son dous nenos que pasan unha tarde de chuvia na casa do avó, aburridos, cando uns ruídos procedentes do faiado empúrranos a investigar a súa procedencia, aproveitando que os pais foron de compras e o avó está a roncar no sofá. Tal é a orixe desta historia na que os nenos, remexendo nas moitas caixas que se acumulan no faiado, acabarán por descubrir algúns segredos familiares agochados durante anos e que teñen que ver coa marcha do seu bisavó aos Estados Unidos.

Aquilino, que tal era o seu nome, tocaba a guitarra, e nas terras ás que emigrara aproveitou a súa habilidade para sobrevivir, chegando a coñecer, mesmo a actuar, con personaxes tan representativos da historia da música no século XX coma Robert Johnson, Bessie Smith ou Elvis Presley. Logo do seu regreso, serán os fillos (os avós dos nenos) os que teñan que emigrar, agora a Inglaterra, onde por influencias de Aquilino acaban amigando con John Lennon, entre outros. Pero un suceso que ten que ver coa represión e a canción protesta dos anos 70, e sobre o que non daremos máis pistas, trunca a dinámica musical da familia afastándoa do pentagrama.

Miguel Alonso aproveita a novela para facer un percorrido polo mellor da música do século XX, xogando para iso coa memoria familiar e cun relato agochado pero que aos nenos lles toca moi de preto, xunguindo así ambos conceptos (música e memoria) nunha historia que ten algo de detectivesca, mesmo un punto de iniciática. E faino cun estilo directo e sen artificios, conseguindo así unha lectura doada e amena. A emigración, a supervivencia, as relacións familiares e a memoria, son outros dos alicerces sobre os que se sustenta un relato imprescindible nestes tempos de reggaeton.

Miguel Ángel Alonso Diz

«Música no faiado»

Ilustracións de Laura Tova

Xerais

136 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s