A Biblioteca Dramática Galega crece con dous novos títulos

A finais do ano pasado déronse a coñecer as obras gañadoras dos premios de teatro organizados polo Agadic: o “Manuel María” (para nenos) e o “Álvaro Cunqueiro” (o “Barriga Verde” quedou deserto nas súas dúas modalidades). Recolleron estes galardóns dúas mulleres: Paula Carballeira no primeiro caso e AveLina Pérez (respecto a grafía da autora) no segundo. Os textos gañadores, como é habitual, veñen de ser publicados agora por Xerais dentro da súa colección Biblioteca Dramática Galega.

 

PAULA CARBALLEIRA «Somos os monstros»

somos_os_monstrosPaula Carballeira acada con este texto o seu terceiro “Manuel María”, o que reafirma a súa condición de referente do teatro infantil contemporáneo. «Somos os monstros» é, no fondo, unha reflexión sobre a propia identidade e sobre esas diferenzas que fan de nós seres peculiares, un canto á diversidade, a convivencia e a empatía.

O que nos relata é a aventura de dous nenos perdidos nun bosque. O seu pai anda na súa procura xunto cun grupo de xente, pero no bosque non están só eles. Tamén hai monstros. Concretamente un “monstro grande” e un “monstro pequeno”. Ao longo das doce breves escenas que compoñen a obra, os nenos toparán con eles, e uns e outros non acaban de entender moi ben a razón pola que entran nesa categoría de “monstros” fronte á xente “normal”. Así, manterán conversas nas que dilúen a fráxil fronteira entre a “normalidade” e a “rareza”. Ata rematar por comprender que a categorización, no fondo, non pasa de ser unha visión subxectiva; mesmo que tamén nós podemos ser “monstros” para eles e que o único que pretenden é que os deixemos en paz.

Desta maneira é como Paula Carballeira explora os conceptos de identidade e de diferenza, empregando para iso unha linguaxe moi dinámica e moi directa que, por tras da súa aparente sinxeleza, agocha un transfondo bastante máis serio do que aparenta. A concepción dramática como unha especie de xogo infantil no que se van inserindo estas ideas resulta ser, ao meu entender, un dos grandes acertos da peza. O uso do espazo e dos tempos afondan nesa idea lúdica sen desprazarse nin un ápice do enfoque global.

Para rematar cómpre salientar o traballo de Ignacio Hernández coas ilustracións que, na súa sinxeleza de trazo, recollen á perfección o espírito da obra.

Paula Carballeira

«Somos os monstros»

Xerais

72 páxinas

 

AVELINA PÉREZ: «Ás oito da tarde, cando morren as nais»

as8O texto que acadou o galardón na categoría “Álvaro Cunqueiro” foi o de AveLina Pérez «Ás oito da tarde, cando morren as nais», unha proposta na que a autora xoga con conceptos como a soidade, o baleiro, as expectativas ou a inutilidade de certos coñecementos, dende unha perspectiva metateatral na que o público adopta un papel protagonista. De feito, no elenco da obra só figura unha muller denominada de xeito xenérico “actriz”, que se sitúa no escenario, e outros cinco personaxes que responden como “Público” numerados do 1 ao 5 e que se sitúan no patio de butacas.

O que propón a autora é, alén da “cuarta parede”, rachar calquera tipo de concepción clásica do espazo escénico, reivindicando un teatro aberto no que adquire unha importancia fundamental a relación entre o público e o que acontece sobre o escenario. Dende o patio de butacas asistimos a comentarios e opinións non sempre atinados por parte duns personaxes camuflados entre o público, respecto do traballo da “Actriz”. Eles son os que pretenden dirixir a escena coas súas esixencias, as máis das veces superficiais e caprichosas. Baldías case sempre. E así, entre a ironía e a estupidez, perfilan certa loita por acadar un mínimo grao de protagonismo no medio dunha masa carente de sentido crítico real e amparada no anonimato para lanzar as súas soflamas.

O texto preséntase cun ritmo áxil e acaído, e con diálogos que nalgún momento bordean o absurdo e cos que enfatiza o carácter perverso do grupo protagonista. Deste xeito consegue que o humor aflore entre pingas de ironía e de sarcasmo, pero tamén a sensación de baleiro existencial que gabea sobre unha masa anódina e prescindible. E como pano de fondo, un lúcido berro contra unha sociedade mediocrizada e alienante.

AveLina Pérez

«Ás oito da tarde, cando morren as nais»

Xerais

56 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s