INMA LÓPEZ SILVA: «O libro da filla»

librofillaInma López Silva regresa ao primeiro plano literario cunha nova proposta narrativa que ten un certo punto inquietante. Inma acostuma a ser unha autora incómoda por provocadora, no sentido de ser capaz de situarnos fronte a un espello como sociedade ou como individuos, para que vexamos a nosa propia imaxe e tomemos consciencia dunha realidade que, na vertixe actual, pode ser que nos pase desapercibida. É coma se nos arrastrase fronte ao noso reflexo para dicirnos: “Mira, isto é o que hai. Decide que vas facer”. E iso, a miúdo, resulta desacougante.

A historia nace dun encontro entre Helena, xornalista de éxito que enfía a madurez, e Fernando, un preso acusado de abusar da súa filla que defende a súa inocencia. A partir de aí, a novela contrapón o mundo destes dous personaxes que resulta non ser tan diferente como en principio podería parecer. E neste percorrido, asistimos ao esnaquizamento de ambas as dúas familias e tamén a unha análise das relacións materno-filiais que, en realidade, é o que soporta o peso principal do relato. A revisión de tal concepto dende unha óptica contemporánea resulta ser o tronco ao que se aferran unha serie de pólas que integran o entramado da novela.

Entre esas pólas, un dos elementos que considero máis interesantes é a reflexión á que nos induce respecto do concepto de “verdade”, fronte á manipulación dos datos para contar outras realidades que non sempre se corresponden co acontecido, mesmo para manter agochados certos secretos persoais ou familiares. A autora sementa dúbidas no lector respecto dos casos de abusos a menores, que non sempre resolve dunha maneira contundente, deixando no aire a reflexión sobre a credibilidade das acusacións e a súa intencionalidade. Velaí conceptos tan vixentes como as “fake news” ou a “posverdade” campando pola novela.

Non é o único elemento que a vincula coa actualidade, pois outra desas pólas destacadas ten que ver coa auxe de Ágora, un grupo de extrema dereita que resulta doado vincular coa actualidade política e co que, como sociedade, nos coloca fronte ao espello do que falamos ao principio desta recensión. O noso comportamento pasivo e a falla de reacción fronte a determinados abusos, pétannos na cara mentras lemos e lévannos a reflexionar sobre a nosa actitude fronte aos abusos daqueles que ansían o poder a toda costa.

Xa dixemos que Inma é unha autora incómoda e que achegarnos aos seus traballos significa participar da súa provocación. A dosificación da información tamén redunda nesta idea, pois hai cuestións relevantes na trama que aparecen de súpeto, sen avisar, collendo ao lector por sorpresa e provocando certa incomodidade. Rachar de tal xeito coa empatía xerada cara a certos personaxes vainos predispoñer de maneira inevitable e condicionará o resto da lectura, creando entre o relato e nós un vínculo moi especial. Coido que manexar esa situación coa habilidade da que fai gala Inma López Silva, colocando ao lector xusto onde ela quere e reconducindo o seu camiño polas páxinas da novela, é algo que está ao alcance de moi poucos narradores.

Inma López Silva

«O libro da filla»

Galaxia

484 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s