XOÁN BABARRO: «Teño oito anos e quero ser youtuber»

youtuberConmemoramos o Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil colocando neste particular andel o último traballo de Xoán Babarro, un dos nosos clásicos do xénero con máis de medio cento de títulos ás costas. Nesta ocasión o que nos ofrece é unha novela na que, tal e como desvela o título, asistiremos ás andanzas dun neno que, con só oito anos, soña con ser “youtuber”. Pero como non conta coa infraestrutura (nin a idade) necesarias para tal menester, decide comezar a practicar escribindo unha especie de diario no que nos dá conta das súas inquedanzas.

Antón, que así se chama o protagonista, atende ás indicacións dunha profesora disposta a axudarlle a cumprir co seu soño, aínda que o primeiro paso sexa este de iniciarse na escrita. Dende o piso da cidade onde habita, ata a vida na aldea dos avós, Viladonda, o neno vai debuxando un entorno afable e agarimoso no que teñen cabida tanto as súas andainas como as descricións das persoas que o integran. E para iso manexa con soltura unha enorme dose de imaxinación. Probablemente sexa este un dos elementos máis salientables da narración, que se adobía con animais que reinan na horta da avoa por tempadas, medias noces convertidas en auténticos barcos piratas, soldados xigantes dunha galaxia afastada que “okupan” os montes en forma de aeroxeradores, nubes forzudas atadas con papaventos, e un verdadeiro derroche de fantasía en cada páxina.

Redundando nesta idea, Babarro axúdase de numerosos recursos non estrictamente narrativos, como os elementos gráficos, que axudan a facer a lectura aínda máis axil. Abundan os cambios de tipografía, a inclusión de símbolos con distintas funcións, a integración de liñas ou pequenas ilustracións na propia narración, e outros recursos cos que sorprender constantemente ao lector. E abofé que, se esa é a súa intención, acada o seu cometido.

Tamén sorprende a capacidade do autor para meterse na cabeza dun nenos de oito anos e escribir como el o faría. Son moitas as narracións para nenos que tratan de emular o seu xeito de redactar ou de contar, pero non sempre se resolve tal cuestión con habilidade. Construcións sintácticas complexas e un vocabulario máis propio dun adulto, acostuman a ser as principais grallas nestas tentativas. Ao meu entender, esta proposta de Babarro é unha honrosísima excepción e, por momentos, semella que realmente estivese contada por un neno de oito anos. E iso resulta enormemente meritorio.

E para rematar, as fermosas ilustracións de Luz Beloso, un dos nosos grandes referentes neste eido, que por momentos parecen integrarse perfectamente no texto, coma se formasen parte del. A única mágoa é a teima da editorial de prescindir na colección “Árbore”, na que está editado, das cores, pois coñecendo á ilustradora, estou seguro de que lle darían unha nova vida ao libro.

Xoán Babarro

«Teño oito anos e quero ser youtuber»

Ilustracións de Luz Beloso

Galaxia

156 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s