XOSÉ A. NEIRA CRUZ: «Veleno de tinta impresa»

velenoO prolífico Xosé Antonio Neira Cruz presenta unha nova novela, galardoada o pasado ano co premio Ánxel Fole de narración curta organizado polo Concello de Lugo. Un relato que se bambea entre a realidade e a ficción e que supón unha auténtica viaxe no tempo ata A Coruña de principios do século XX.

A protagonista da novela é Elvira Morales. Tal é o seu nome na ficción, pois a inspiración, como confesa o autor, foi unha muller de carne e óso, a xornalista coruñesa María Luz Morales, que pasou á historia como pioneira do xornalismo cultural e como a primeira muller que en España tivo a responsabilidade de dirixir un xornal de tirada nacional, o catalán La Vanguardia. De maneira que estamos diante dunha recreación absolutamente libre do que puideron ser os seus inicios no mundo do xornalismo, cando a presenza de mulleres nas redaccións non pasaban do puramente anecdótico e, no mellor dos casos, coa responsabilidade de traballos considerados menores, como as crónicas de sociedade.

María Luz deixou de nena A Coruña para trasladarse cos seus pais a Barcelona, pero a personaxe da novela, Elvira, fica na cidade e, logo de rematar os estudos de maxisterio, atopa a súa verdadeira vocación no eido do xornalismo. Sabedora de que a sociedade coruñesa da época foi quen de apoiar a moitas mulleres emprendedoras, dende María Barbeito –coprotagonista na novela cun papel importante como amiga persoal de Elvira–, ata Emilia Pardo Bazán, Fanny Garrido, Sofía Casanova, Francisca Herrera e tantas outras, Elvira opta por buscar fortuna na redacción dun xornal local, La Voz de Galicia, un mundo, como diciamos, reservado case que en exclusiva para homes.

Neira Cruz xoga, como tamén apuntamos, entre a realidade e a ficción, enchendo a novela de personaxes reais e procurando unha ambientación que semella perfectamente estudada. Falamos dun tempo no que a cidade vive unha profunda transformación, que aquí se ve reflectida a través das novas tecnoloxías aplicadas ao xornalismo (a chegada das linotipias, que revolucionarán a composición de textos e axilizaron a edición). Asistimos, xa que logo, a un momento importante dentro da historia local da cidade e, por extensión, de Galicia, unha loita entre tradición ancestral e a modernidade, que compón o telón de fondo do relato.

Pero, ao mesmo tempo, asistimos tamén ao esforzo dunha das pioneiras a prol da defensa do traballo feminino, unha pioneira, xa que logo, na loita pola igualdade da muller, neste caso dende o campo do xornalismo. O seu papel, sen chegar a ser combativo, resultou providencial na loita por esa igualdade, pero a súa relevancia foi minguando ata a actualidade, na que se converteu nunha personaxe practicamente esquecida. Pola súa dimensión, a recuperación desta figura, aínda que sexa a través da recreación literaria, supón un aliciente máis desta novela.

Xosé A. Neira Cruz

«Veleno de tinta impresa»

Xerais

112 Páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s