ROCÍO LEIRA: «Tres catorce dezaseis»

31416A autora ceerense Rocío Leira presenta esta nova novela que, en realidade, é un xogo de intriga, coa que chegou a ser finalista na última edición dos premios Jules Verne de Literatura Xuvenil. E digo que é un xogo de intriga porque ao longo das súas páxinas non só asistiremos á investigación e resolución dunha enigmática serie de asasinatos que teñen como escenario a Facultade de Matemáticas da Universidade de Compostela, senón que por mediación do executor dos crimes e do vello profesor Benavides, teremos a posibilidade de resolver unha serie de enigmas que son os que agochan as pistas que nos conducirán á devandita resolución do caso.

Isto entenderase un pouco mellor se primeiro falamos do argumento. No Campus Sur da universidade compostelá aparece asasinado un alumno. De seguido, o profesor Benavides comeza a recibir unha serie de correos electrónicos nos que lle propón participar nun xogo de adiviñas coa promesa de que os problemas poderán levalo á resolución do crime. Os correos virán en ocasións acompañados de fotografías que testemuñan que só o autor material do crime pode estar do outro lado da liña, polo que o profesor decide aceptar a proposta e tratar de resolver o misterio. Para iso, contará coa colaboración dunha das súas alumnas, avezada nos xogos de lóxica, que semella asumir o papel de Dr. Watson no relato, o perfecto compañeiro no que se apoiar para desenvolver a investigación. A ese primeiro asasinato non tardan en seguirlle outros e, consecuentemente, novos xogos de lóxica que agochan novas pistas, polo que a resolución do caso semella apremante.

Non vou desvelar, loxicamente, o final da historia, pero si direi que xoga con moitos dos elementos clásicos das novelas de detectives máis tradicionais, aderezados con algunhas pingas de contemporaneidade e, sobre todo, con esas adiviñas sobre as que proxectar os nosos coñecementos de lóxica matemática para acadar a resolución do caso. E quizais sexa este, aínda a pesar de que algúns dos problemas que se nos presentan xa son coñecidos, o punto forte da narración pois, ademais de disfrutar dunha escrita clara e dunha boa dosificación da intriga, o que se nos propón e que formemos parte da investigación resolvendo esas cuestións para axudar ao profesor Benavides que, pese á súa eminente posición académica, semella bastante perdido no xogo no que anda metido.

Falamos, xa que logo, dunha proposta narrativa moi acaída para os mozos, pois resulta amena e, a maiores e sen que nos decatemos, fai que nos mergullemos no mundo das matemáticas e aprendamos algúns dos seus segredos. Un terreo que a autora coñece á perfección, pois ela mesma é licenciada nesta especialidade pola propia USC.

Rocío Leira

«Tres catorce dezaseis»

Xerais

144 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s