MANUEL RIVAS: «O Chispas»

undefinedO retorno de Manuel Rivas sempre é unha boa nova para as letras galegas. Desta volta faino subido a unha motocicleta Montesa e cunha guitarra eléctrica en bandoleira para contarnos a odisea dun rapaz alcumado “O chispas”, que se autodefine como “músico cósmico”, a pesar de que no seu entorno se empeñen en consideralo un “músico cómico”. Un relato dirixido á mocidade, territorio no que o autor xa ten demostrado desenvolverse con soltura e ao que regresa de cando en vez.

A narración está dividida en dúas partes que semellan independentes entre si, coma se estivesemos a falar de dous relatos distintos. Pero a verdade é que hai abundantes elementos de unión entre ambas as dúas, comezando polo protagonista, e mesmo podemos considerar a segunda como unha consecuencia da primeira. Claro que isto conviría explicalo: O Chispas, naceu “en Estrelampo, onde está a Fonte da Fala”. Como xa vimos, é un músico pouco valorado no seu entorno, ata que esa mítica fonte, que ensina a falar aos habitantes do lugar, vai perdendo auga e acaba por secar, pero antes de desaparecer agasalla ao noso protagonista cunha forza nas súas cancións que provoca un éxito rotundo e incontestable. Tanto, e agora entramos na segunda parte do relato, que chama a atención dos habitantes de Mutandi, un planeta fóra do noso sistema solar, que deciden levalo con eles durante un tempo. E aí é onde comeza a aventura “cósmica” á que O Chispas se refire.

Como podemos comprobar, estamos diante dunha historia na que a imaxinación exerce de fío condutor, malia non ser o único. A narración está feita en primeira persoa polo Chispas, despregando un estilo desenfadado e divertido que forma parte substancial da propia trama ata conformar outros dos fíos condutores do relato. E sobre estes dous fíos técese unha narración dominada pola autenticidade do seu protagonista e pola defensa contra vento e marea da súa personalidade e da súa liberdade creativa. Ao tempo, e de xeito máis acentuado na aventura cósmica do Chispas, é un manifesto contra o consumismo desaforado, as modas, a caducidade dos valores e mesmo contra o pensamento único, que sobrevoa todo o que ten que ver co planeta Mutandi.

Mención aparte merece a Fonte da Fala, sobre a que apuntamos a súa orixe mítica máis arriba. A súa presencia na novela céntrase só na primeira parte e aínda semella un humilde elemento pouco máis que decorativo, pero agocha unha metáfora moi evidente sobre o risco da perda da lingua e, xa que logo, unha atinada defensa do elemento máis substancial da cultura galega. As consecuencias da seca da fonte son un galimatías de frases inconexas e confusas. En apenas un par de páxinas, Rivas ofrece unha visión tan caótica como atinada da perda de galegofalantes sobre a que non custará traballo sacar unha atinada lección.

 

Manuel Rivas

«O Chispas»

Ilustracións de Sonia García

Xerais

96 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s