MANUEL ESTEBAN: «A vinganza dos homes bos»

homesbosManuel Esteban volve a introducirnos no universo do inspector Carlos Manso, que tan bos resultados lle deu nas súas dúas primeiras novelas; a que iniciou a saga, lembremos, galardoada co Premio Xerais no seu día. Pero se nos anteriores traballos nos presentaba casos independentes, que poden ser lidos de forma separada, nesta ocasión asistimos a unha especie de continuación da saga no punto no que quedou logo da segunda entrega, «O meu nome é Ninguén». Non é que resulte imprescindible ler a novela anterior para entender a nova trama, pero de seguro que axudará a comprender certos matices do relato que, doutro xeito, poderían pasar desapercibidos. E non só iso, senón que tamén viaxaremos no tempo ata os inicios da carreira policial do protagonista ao vincular un caso actual con sucesos anteriores, nun percorrido paralelo entre ambas as dúas situacións.

Na anterior novela, o inspector Carlos Manso ten que deixar o seu posto no Corpo Nacional de Policía. Agora, en franco declive do mundo que o rodeou durante as últimas décadas, decide seguir a desenvolver as súas aptitudes en calidade de investigador privado. A desaparición dun axente policial pon en marcha a acción, que non tarda en desdobrarse en dous escenarios separados por 20 anos e 2.000 quilómetros: a actualidade en Vigo e máis os primeiros pasos profesionais do protagonista en Fuerteventura. As dúas historias, con títulos propios (“Leo e o volcán” e “O kraken e o mar”), vanse misturando ao longo da novela ata confluíren nun final que ten moito que ver co perdón e a redención, cuestións estas que exercen de verdadeiros alicerces da novela.

O xogo temporal alóngase durante dúas décadas, como dixemos, marcando o peso do pasado sobre o presente e axudándonos a comprender un pouco mellor a peculiar personalidade do antiheroe que protagoniza a saga. En canto ao xogo espacial, presenta dous escenarios ben diferenciados, case antagónicos, que contrastan entre si: por unha banda, no caso de Vigo, nuns túneles escuros e húmidos que percorren boa parte da cidade (descoñezo se reais ou ficticios), e pola outra, unha Fuerteventura luminosa e seca. Os túneles de Vigo veñen a simbolizar unha especie de descenso aos infernos de Carlos Manso que, dalgún xeito, terá que propiciar a súa redención para que a saga continúe, algo que o autor se permite deixar intencionadamente no aire. Aproveita o espazo canario para deixar algunhas pingas sobre o papel español na Marcha Verde e no Sahara Occidental, mesmo para expoñer cuestións relacionadas co narcotráfico naquela zona.

Compre sinalar finalmente a linguaxe empregada por Manuel Sebastián, sinxela e directa, pero moi traballada. Un vocabulario amplo e conciso e un uso dos recursos narrativos ben dosificados para manter a intriga no lector, fan da lectura unha experiencia pracenteira e anuncia que este autor, que se ve a si mesmo coma unha especie de intruso literario, segundo ten confesado nalgunha ocasión, chegou para quedarse. Benvido sexa.

Manuel Esteban

«A vinganza dos homes bos»

Xerais

264 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s