ANTONIO REIGOSA (ed.): «Guía de campo da Galicia Encantada»


Fai algo máis de 15 anos, en marzo de 2005, Antonio Reigosa puxo en marcha un ambicioso proxecto de recompilación de literatura galega de tradición oral. Tratábase dunha páxina web que, a través de colaboracións de moreas de aportacións voluntarias de xentes de todo tipo, trataba de configurar un auténtico mapa imaxinario mítico de Galicia. Estamos a falar, claro está, da web galiciaencantada.com, que en todo este tempo deu en se converter no mellor e máis completo referente da nosa mitoloxía popular. Agora, e para conmemorar tal efeméride, Antonio Reigosa preparou o volume que nos ocupa, no que se recolle unha presa das aportacións á páxina.

Os que somos amantes da literatura oral agradecemos este tipo de traballos, e máis aínda cando veñen da man dun especialista na materia do calibre de Reigosa, pois el é quen de ordear e clasificar todo o material aportado polos voluntarios para facer da lectura dun libro destas características un verdadeiro goce. Así, e a través dunha vintena de capítulos, atoparemos historias que nos falan de nubeiros e tronantes, de casas encantadas, dos asustanenos, de menciñeiros, da mitificación da morte, de pontes máxicas, de tesouros, de encantos e encantamentos, das personaxes máis míticas do noso fabulario, de historias referidas á toponimia… e ata unha presa de relatos vencellados ao paso do mítico Roldán, un dos Doce Pares de Francia, polas nosas terras. E para completar a colección, un fermoso apartado adicado a contos tradicionais. A maiores, un breve capítulo dedicado ás “lendas urbanas”, aparentemente máis contemporáneas. E como Reigosa é un investigador incansable e un divulgador de primeira orde, ata preparou unha pequena proposta didáctica para que os centros escolares (ou calquera) poidan, se así o consideran, manter vivas esas historias que pasan de pais a fillos, de fillos a netos…

Resulta obvio que nun pequeno libriño de pouco máis de 250 páxinas, non pode ter cabida toda a amplísima bagaxe de historias e personaxes que poboan a nosa mitoloxía local, caracterizada pola abundancia de relatos e de seres de toda caste e condición, pero resulta un excelente achegamento para os menos avezados. Moitos dos relatos seleccionados son dabondo populares como para seren coñecidos por boa parte da poboación, pero abundan tamén esas pequenas historias practicamente descoñecidas, que dotan ao conxunto dun interese aínda maior.


De calquera xeito, o libro non pretende ser máis que unha pequena escolma de todo o saber que agocha a devandita páxina. E dende aquí, aproveitando a celebración desta efeméride, recomendamos visitala con certa frecuencia para aprender algo máis dos relatos dos nosos devanceiros ou, simplemente, para disfrutar dunha tarde de interesante lectura.

Antonio Reigosa (ed.)
«Guía de campo da Galicia Encantada»
Ilustracións de Noemí López
Xerais
264 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s