LUÍS MANUEL CARCÍA MAÑÁ: «Non fales o que non debes»

Entre todas as variantes que ofrece o xénero da novela negra, a do relator fantasmal é unha das que máis me fascina. Esa implicación do alén para explicar o aquén, mesmo o desconcerto do protagonista á hora de contar a historia por atoparse nunha situación tan inverosímil, resúltanme divertidas e chocantes e fan da lectura algo diferente e ameno. Tal é o caso de «Non fales o que non debes», a nova novela de García Mañá. A narración comeza coa morte por aparente suicidio dun maxistrado, enleado nunha operación policial que ten que ver co tráfico de estupefacientes e de armas, corrupción urbanística, branqueo de capitais e outra serie de lindezas. Dende a súa nova perspectiva («eu son un deses espíritos que aínda non se disolveron no indefinido e que só deixan atrás o corpo físico», asegura no primeiro parágrafo), será o encargado de guiarnos a través das páxinas da novela.


A implicación do maxistrado resulta ser só tanxencial, como non tardaremos en descubrir. Pero, no entanto, esta vítima, que en presencia incorpórea mantén a curiosidade que tivo en vida, vainos relatando as circunstancias que desembocaron en tan tráxico final. O autor arrisca desta maneira ao contarnos nas primeiras páxinas o desenlace da historia, polo que a súa misión será a de manter en nós a intriga sobre o “como” e o “por que”, un reto que require do dominio das técnicas narrativas para non aburrir ao lector e que García Mañá manexa con soltura.


Sorprende o pouco rédito que lle saca á presencia fantasmal do protagonista, que podería dar moito máis xogo no relato, pero entendo que o que o autor pretendeu foi evitar a súa sobreexposición para non deturpar a credibilidade da historia. Hai unha liña moi fina neste tipo de relatos entre o fantástico e a chafallada e, neste caso, García Mañá preferiu non arriscar máis da conta. E sorprende tamén o relato paralelo ao do protagonista, que neste caso corre a cargo dunha personaxe ben curiosa: un xornalista ao que só coñecemos polo seu alcume, “Vagalume”. As súas pescudas teñen certa relevancia na trama, pero destacaría a definición da personalidade da personaxe en si, ruín e teimuda, como un dos elementos máis cómicos da narración.


García Mañá desprega un estilo pulcro e fluído, completamente desenfadado e con concesións abundantes ao humor, elementos que fan da súa lectura algo entretido e dinámico. Non debemos esquecer que o autor é un perfecto coñecedor do terreo que pisa, pois desenvolveu a súa actividade profesional no mundo policial, o que lle concede unha seguridade e unha naturalidade na redacción que non sempre atopamos neste tipo de novelas. Non hai grandes doses de intriga nin se trata de manter ao lector na ignorancia dos acontecementos buscando o efecto sorpresa, pois as personaxes e as situacións nas que se desenvolven resultan un tanto prototípicas; pero o que si se consegue con este xeito de narrar é darlle verosimilitude a unha historia que, non o esquezamos, está relatada por unha pantasma. E iso, ao meu entender, xa resulta suficientemente meritorio como para prestarlle atención á novela.

Luís Manuel García Mañá
«Non fales o que non debes»
Xerais
184 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s