ANTÓN RIVEIRO COELLO: «O paraíso dos inocentes»


O regreso de Antón Riveiro Coello vén avalado, se tal cousa fose necesaria tratándose dun dos nomes máis relevantes da narrativa galega contemporánea, polo Premio Torrente Ballester do ano pasado, que por razóns que a ninguén se lle escapan tivo que retrasar a publicación da obra galardoada. O caso é que chega agora a nós «O paraíso dos inocentes», unha historia de ficción ben asentada sobre a realidade ata o punto de que por momentos case semella unha amplísima reportaxe xornalística, coa guerra de Siria como telón de fondo.


O autor sitúa a novela entre marzo e abril de 2016, no marco do “alto o fogo” decretado polas Nacións Unidas logo da intervención das potencias estranxeiras no conflito tras cinco anos de enfrontamentos. A trama iníciase en Alepo, unha cidade desbaratada polos horrores da guerra e dividida en dous bandos enfrontados. Na zona este, ocupada polos rebeldes, atopamos a Amina, xornalista e activista; o seu mozo socorreu ao neno Karim recuperando o seu corpo entre os cascallos dun edificio derruido que acabou con toda a súa familia. Amina e Karim iniciarán unha viaxe coa que pretende reunir o neno co seu irmán, único familiar vivo, fuxido en Europa. Na zona oeste, leal ao réxime, Isam, químico que traballa nunha fábrica de xabón, vén de ser recrutado de maneira forzosa polas tropas gubernamentais, polo que decide desertar e escapar do país antes de formar parte do conflito. Por outra banda, en Bruxelas, Tristán, un mozo galego, ten un extrano comportamento días antes de morrer no atentado terrorista no aeroporto de Zaventem, o que fai que a súa moza, Alicia, e o seu pai, Alfredo, indaguen sobre os seus últimos movementos.


Estas tres tramas, aparentemente inconexas, desenvólvense en paralelo ao longo de todo o relato para ofrecer unha visión global das consecuencias dun conflito e, sobre todo, da repercusión que ten sobre os refuxiados e os exiliados, tan a miúdo a cara máis inocente de calquera enfrontamento armado. Convértese, deste xeito, nun canto á solidariedade e ás ansias de liberdade no que, entre todo o horror, sobrevoa unha luz de esperanza que é quen de contrarrestar a dureza de moitas das páxinas que integran a narración. Non quero das pistas sobre o final para que o lector descubra por si mesmo os detalles que lle dan solidez á trama, pero si quero apuntar que a confluencia das tres tramas ensancha a cada unha delas dotando a cada relato dunha maior amplitude.

Tamén quero destacar a creación de personaxes certamente memorables, como Amina, a activista colaboradora que o deixa todo por axudar; Alfredo, o atónito pai sorprendido por un fillo ao que non recoñece; ou Tristán, o eterno interrogante da trama. Pero entre todos eles, ao meu entender, sobresae Karim, o neno da infancia derrotada que é quen de sobreporse a calquera situación. A súa miudeza agocha un espírito certamente forte e arroutado que, pese a ser protagonista dos horrores máis crueis, sobreponse e axuda a sobreporse aos que o rodean.

Antón Riveiro Coello
«O paraíso dos inocentes»
Galaxia
324 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s