XAVIER QUEIPO: «Corazón de manteiga»

Xavier Queipo está de volta cun deses relatos que sorprenden ao lector, mesmo a aquel que xa espera ser sorprendido por un autor tan pouco predicible coma el. E faino cunha novela das que hai que ler co corazón aberto e a alma despregada de par en par se queremos adentrarnos no peculiar mundo íntimo de Mauro, o seu protagonista. Porque o eixo central sobre o que se constrúe a novela é a súa biografía relatada por el mesmo.

Mauro ten unha infancia feliz nun entorno familiar que poderiamos considerar como normal, a pesar de que hai chiscadelas continuas ao realismo máxico e á narración fantástica que tan bos resultados deu en Galicia da man de Cunqueiro e de tantos outros. Pero eses detalles non teñen gran relevancia na trama, que se centra no riquísimo mundo interior do seu protagonista e que el mesmo se encarga de narrar en primeira persoa. Descubrimos así a un neno peculiar, cunhas inquietudes ben pouco habituais en nenos da súa ideade, con pensamentos moi maduros e unha curiosidade permanente con todo o que o rodea. Mauro fúndese co entorno natural no que se cría amosando un fondo amor pola natureza e pola vida, malia que o fai dende a súa propia perspectiva e sen atender a convencionalismos de ningunha caste.

Todas esas características fan de Mauro unha personaxe diferente, e esa diferenza vaise acentuando a medida que o neno crece ata o punto de buscar o afastamento da sociedade que o rodea e dos convencionalismos de sempre. Que ese afastamento teña consecuencias tráxicas para el é unha cuestión de tempo e así, logo de se converter nun anacoreta urbán no parque compostelán de Bonaval, e pido desculpas anticipadas por adiantar o final da novela, acaba por ser recollido e ingresado no psiquiátrico de Conxo, onde recibe un tratamento que roza a tortura.


Ao meu entender, un dos elementos máis salientables deste relato é precisamente esa viaxe ao mundo interior de Mauro que Queipo nos propón e sobre o que se constrúe toda a novela. Dende o principio, a escrita rezuma intimismo deixando de lado a relación social co resto de personaxes que, deste xeito, pasan a ser meramente secundarios. Céntrase a acción na peculiaridade do protagonista, na súa ausencia de convencionalismos e na súa caracterización como alguén diferente, co que non custa nada empatizar dende o primeiro momento. Así, coloca en primeiro plano da novela o valor da diferencia e a necesidade de aceptación, deixando de lado calquera tipo de intolerancia. E faino sen recurrir aos tópicos de raza ou credo para remarcar esa diferenciación, o que non deixa de ser un valor máis a ter en conta.


Non é unha novela de fácil lectura nin apta para os afeccionados a historias planas e vertixinosas, pero paga a pena achegarse a Mauro a través dos ollos de Queipo. (Ou viceversa, non o teño claro.)

Xavier Queipo
«Corazón de manteiga»
Galaxia
216 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s