ALDAOLADO: «Ninguén morreu de ler poesía»

Por se aínda hai alguén que non estea ao tanto, «Aldaolado» é o dúo poético e musical integrado por Lucía Aldao e María Lado. Levan xa quince anos de andaina conxunta con diversos espectáculos nos que xogan coa lírica, a música, o humor, a transgresión e, a cotío, a irreverencia. Cada unha destas “peformanceiras” (¡con pedrón!) ten a súa propia traxectoria individual no eido da poesía, pero xuntas é a primeira vez que dan ao prelo un volume asinado co nome do dúo.


Os que tiveron a sorte de participar nalgún dos seus espectáculos, poderán comprobar que este libro vén sendo coma unha das súas actuacións reflectida en papel. Dividido en varias seccións, conta con poemas individuais de cada unha das compoñentes, inéditos ou xa publicados, outros compostos a catro mans, traducións de cancións, aportacións dos seus seareiros, mesmo propostas participativas para que o lector cree os seus propios poemas a partir das instrucións das autoras. E todo isto acompañado de breves textos explicativos que axudan a comprender a intencionalidade de cada unha das partes ou de poemas concretos, que veñen a suplir as características presentacións en vivo, tan cargadas de anécdotas e de improvisación. De maneira que entramos así nun xogo metaliterario que, no fondo, é o celme dos seus espectáculos.

E este xogo metaliterario vén da man de outro dos elementos que alicerzan o seu espectáculo: a desmitificación da propia poesía. É certo que no pasado a poesía estaba excesivamente constrinxida por cuestións como o ritmo, a métrica ou a rima, e que na actualidade se atopa moi liberada de acoutamentos. Mais esa liberación non supuxo un achegamento á xente que, en liñas moi xerais, segue a ver a poesía como unha especie de veleidade de corte intelectual. Aldaolado xogan a romper ese concepto co seu estilo, como xa dixemos, humorístico e transgresor. Pero que ninguén se leve a engano: nos versos de Aldolado hai moita máis profundidade de pensamento da que se aprecia a simple vista. Non estamos a falar de poesía humorística ou que procure a gargallada fácil, senón de utilizar o humor como recurso literario para chegar alí onde a palabra máis seria pasa desapercibida. E iso, ao meu entender, resulta moi meritorio.

Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado)
«Ninguén morreu de ler poesía»
Xerais
96 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s