VV.AA.: «Libres e vivas»

Fai só unhas poucas semanas reflexionabamos neste mesmo espazo sobre a vixencia do relato curto na literatura galega contemporánea e sobre o papel que están a xogar as mulleres, cada vez máis relevante, dentro do noso sistema literario. E faciámolo a raíz da publicación por parte de Baía Edicións da colección de relatos «Entre donas» [https://manriquefdez.wordpress.com/2021/01/21/vv-aa-entre-donas/], todos eles de autoría feminina. Agora chega a este andel un novo exemplo de que se dixo naquela ocasión e chega da man de Editorial Galaxia e doutro grupo de autoras de primeira orde: Anxos Sumai, Berta Dávila, Charo Pita, Elisabeth Oliveira, Esther Carrodeguas, María Canosa, María López Sández, María Xosé Porteiro, Mercedes Queixas e Paula Carballeira. Dez novos exemplos de que o relato curto segue a xogar un papel fundamental na literatura galega actual, a pesar de manterse oculto baixo a permanente prevalencia comercial da novela, e outra demostración de que as nosas autoras pisan cada vez con maior firmeza ata o punto de se converter nun dos alicerces máis destacados, xa ninguén o dubida, do noso sistema literario actual.

Nesta ocasión o que atopamos son dez relatos moi diversos, como era de esperar, tanto en estrutura, como en estilo ou tratamento, que a pesar da súa diversidade manteñen un nexo en común que se deixa sentir mesmo dende o título escollido para a recompilación. Esa referencia evidente ao movemento do 8-M apunta na mesma dirección na que as manifestacións desa xornada: a denuncia do machismo, do terrorismo patriarcal, da violencia e os abusos exercidos contra a muller, así como a demanda dunha sociedade moito máis paritaria e xusta. Se esta cuestión xa estaba abondo evidenciada na colección de relatos de Baía Editorial, nesta de Galaxia exerce de auténtica matriz de todos os argumentos. É, polo tanto, un libro cargado de forza e de rabia, pero tamén de denuncia e, sobre todo, de reivindicación. En consecuencia, tamén é un libro cargado de esperanza no futuro.

Dende o lirismo cotián de Anxos Sumai á rabia desatada de Elisabeth Oliveira, dende a nostalxia autoimposta de Charo Pita á inseguridade por presión de Esther Carrodeguas, dende a complicidade no ocultamento da violencia de López Sández ata a pedagoxía exótica de Paula Carballeira, a desigualdade está presente, dun xeito ou doutro, en todos e cada un dos relatos que compoñen esta colección. Tal é, ao meu entender, o principal eixo sobre o que xiran os argumentos de «Libres e vivas», unha escolma de pezas nas que as mulleres se reivindican a si mesmas, que é tanto como dicir que nos reivindican a todos na súa demanda dunha sociedade máis xusta e equitativa cos seus integrantes: é evidente que un grupo social que se pretenda xusto e equitativo non pode avanzar deixando no camiño á metade dos seus membros, pero dados os tempos que corren convén reiteralo de cando en vez para que ninguén se despiste. E facelo dende unha perspectiva literaria axuda a cimentar tal idea para empezar a construír –ou reconstruír– dende a base. Velaí un dos grandes valores desta escolma.

VV.AA.
«Libres e vivas»
Galaxia
196 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s