XELA ARIAS


Achegarnos a Xela Arias sempre é unha boa idea, sexa nas circunstancias que sexa. Pero estes días son especialmante favorables pola cantidade e variedade de propostas que as distintas editoriais están a sacar do prelo para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á poeta luguesa. Estas son só algunhas destas propostas, pero unha visita á nosa libraría de referencia axudaranos a descubrir moitas máis.

A nena Xela

Comezaremos por achegarnos á súa escrita, como non podía ser menos. E neste terreo, o máis sorprendente que nos está a ofrecer a celebración do Día das Letras Galegas é a edición dun texto inédito que, ademais, sería a primeira incursión na narrativa e tamén na Literatura Infantil e Xuvenil de Xela Arias, polo que «Non te amola!» amósanos unha faciana completamente descoñecida da poeta luguesa.


Conta a historia dunha nena de 9 anos que un día decide que vai escribir un libro. E o que fai é ir debullando unha especie de diario no que reflicte as súas inquedanzas, os seus temores, as súas andainas e no que dá conta de todo canto a rodea, do seu entorno familiar máis próximo e de como vive todos eses aconteceres. Deste xeito é como lle vai dando forma a ese libro que di querer escribir, aínda que non teña nada claro se tal esforzo servirá para algo.

A sensibilidade de Xela Arias xa a coñeciamos pola súa poesía, pero neste libro amósase tan espida como pode estalo dende a perspectiva dunha nena de 9 anos. Hai moitos aspecto de «Non te amola!» que me parecen admirables, pero a capacidade da autora para asumir a personalidade da nena e darlle forma á historia como se realmente fose escrita por unha cativa pequena, coido que é un dos máis salientables. A naturalidade no relato e a visión da infancia transcende un tempo e un lugar para elevarse a un pedestal moito máis universalista, o que, de seguro, fará desta obra un dos futuros referentes da literatura de Xela Arias. E, a maiores, as fermosísimas imaxes de Luz Beloso, quen con cada nova entrega reafirma a súa posición como unha das ilustradoras máis interesantes do noso panorama literario, converten esta edición unha desas alfaias para gardar coma o tesouro que son.

Xela Arias
«Non te amola!»
Ilustracións de Luz Beloso
Galaxia
82 páxinas

Xela, poeta

Para achegarnos á súa poesía, Xerais está a traballar na reedición dos seus títulos máis emblemáticos e, polo de agora, xa son dous os que viron a luz actualizados: «Denuncia do equilibrio» e «Darío a Diario.

O primeiro foi co que Xela se deu a coñecer en 1986 e amosa unha poeta con moito de rompedora para aqueles tempos. Hoxe en día, alguhas das propostas poéticas deste libro poden parecernos cotiás, pero non debemos esquecer que se iso é así, é porque Xela Arias (entre outros autores) foi abrindo camiño cara á lírica actual, amosando barreiras que se podían franquear sen problema. Atopamos nel a frescura dunha voz nova e rompedora que navega contra a corrente para falar de desacougo do día a día e as emocións máis intensas. É un libro rabioso e rabiosamente actual, a pesar de contar xa con 35 anos ás costas.

«Darío a diario», publicado dez anos despois e inspirado polo nacemento do seu fillo, aborda a maternidade dende unha perspectiva desmitificadora e, en certa maneira, cun pouso fondamente feminista. Porque a maternidade que aquí se reflicte a través dunha especie de diálogo co neno, nada ten que ver coa imaxe de gozosa da creación de vida imposta pola tradición patriarcal máis arcaica, senón cos medos e inseguridades que provoca nunha muller o feito de traer unha nova alma ao mundo.

Coido que non hai mellor resumo desta obra ca un dos seus poemas, no que di:

«Nada que ver coa posesión.

Non te posúo nin quero.

Cóidote, ámote e manteño a esperanza

de aprenderche a te posuires.»

Xela Arias
«Denuncia do equilibrio»
Xerais
78 páxinas

Xela Arias
«Darío a diario»
Ilustracións de Iván R.
Xerais
56 páxinas

Diálogo con Xela


Outra das propostas máis interesantes que trae consigo esta celebración do Día das Letras Galegas está protagonizada por Emma Pedreira e Laura  Romero. Interesante e sorprendente, por canto supón un achegamento case biográfico e literario á figura de Xela a través dos ollos doutra recoñecida poeta, combativa e rompedora, como é Emma. O resultado é unha especie de diálogo poético entre ambas, fermosamente adobiado polas colaxes de Laura Romero.

Asistimos, xa que logo, a unha sorte de coloquio íntimo, pel con pel, verso con verso, no que Emma se apoia na palabra de Xela para descubrila ao mundo, para amosar os vencellos existentes entre ambos os dous xeitos de concibir a poesía, de concibir o papel da muller na sociedade actual e de concibir, en definitiva, o mundo que nos tocou vivir.


«XelArias. Palabra á intemperie» ten moito de experimentación transgresora e de proxecto artístico moi persoal, no que a palabra e a imaxe asumen un rol fundamental proxectando unha conversa íntima da que podemos ser testemuñas privilexiadas, desenvolvida a tres voces: as das dúas poetas e a da ilustradora.
Completan o proxecto unha brevísima escolma, unha interesante playlist de cancións con textos de Xela, e ata unha proposta de xogo cos seus versos. ¿Alguén dá máis?

Emma Pedreira
«XelArias. Palabra á intemperie»
Ilustracións de Laura Romero
Baía Edicións
52 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s