SANTIAGO LOPO: «A carteira»

Santiago Lopo volve a sorprendernos cunha novela na que demostra a súa habilidade para conxugar unha chea de elementos que semellan dispares e que, baixo a súa pluma, combinan á perfección, e facelo dun xeito ameno sen que iso signifique deixar de lado nin a fondura de pensamento nin certa capacidade reivindicativa. «A carteira» é un proxecto moi persoal e orixinal no que a denuncia social se viste con roupaxes retranqueiras a través dunha morea de personaxes ben peculiares, dunha ambientación un tanto opresiva e dunha ringleira de escenas variopintas, compoñendo así unha especie de mosaico da nosa sociedade actual.

Unha rapaza en situación laboral precaria acepta un traballo temporal como substituta en Correos e comeza a repartir nun barrio nos arrabaldes dunha cidade que non é a súa e que descoñece por completo. O barrio, ao que a propia carteira e narradora bautiza como «Algures», convértese así nun entorno abafante, unha especie de limbo polo que a protagonista deberá camiñar a diario e enfrontarse aos problemas derivados da súa dedicación temporal e da convivencia cos veciños. Entre estes, personaxes memorables rebautizados pola protagonista como Humpty, o ex-ionqui afeccionado á literatura de terror e á ciencia ficción; dona Rosa, a veciña entremetida; o Sr. Vermello, vello roqueiro e moteiro, amante de Johnny Winter; Azul, a adolescente en plena descuberta de si mesma; ou a impagable Selena, vella con certa capacidade de videncia ocasional… Mesmo Primitivo, o difícil carriño no que a carteira transporta o correo, que se converte para a ocasión nunha personaxe máis do relato.

A novela está estruturada en pequenos capítulos de apenas un par de páxinas cada un, o que lle concede un plus de axilidade á lectura. Ao tempo, agrúpanse en xornadas independentes separadas entre si por soños surrealistas e polas viaxes en automóbil dende o seu lugar de residencia ao barrio de reparto ao carón doutro descoñecido, unha especie de chofer ao que a carteira presenta como Bautista. Son capítulos independentes que mesmo se poderían ler, case todos, desordeados, coma se fose unha compilación de contos coa mesma temática, personaxes e ambientación, mais entre eles existe unha complicidade que é a que lle dá corpo á narración.

Un dos temas centrais de «A carteira» é o da precariedade laboral, pero non é o único. A soidade, a empatía ou a marxinalidade son outras cuestións que aparecen e desaparecen ao longo do relato, que ben poderiamos dicir que se centra, sobre todo, nas relacións humanas. Todo isto adobiado cunha escrita moi coidada e, como queda dito, moi retranqueira, que fai da lectura desta novela unha grata experiencia. Mais non se trata só dun divertimento livián, pois hai máis profundidade de pensamento do que inicialmente pode parecer e que o lector deberá ir descubrindo por si mesmo.

Santiago Lopo
«A carteira»
Xerais
304 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s