ANDREIA COSTAS: «Corazón de vaca e outras vísceras»


«Corazón de vaca e outras vísceras» é a primeira achega individual de Andreia Costas ao mundo da narrativa, logo de participar con éxito en varios certames de relato e de poesía e nalgúns libros colectivos. A súa proposta é unha colección de textos breves que se sitúan entre o relato tradicional e o microrrelato, que semellan non gardar relación entre si, malia que podemos atopar varios elementos comúns entre eles.

No limiar, asinado por María Xosé Porteiro, a xornalista e escritora define a prosa de Andreia Costas como «exótica, misteriosa e, por veces, implacable» e dende este curruncho, obviamente, non lle imos quitar a razón, pois estamos de acordo con tales calificativos. Mais engadiríamos que se trata dunha escrita sorprendente por fresca e espontánea, algo que é moi de agradecer en autores (case) noveis, e tremendamente persoal. E subliño isto porque considero que no xogo que Andreia desprega coa linguaxe é onde atopamos o elemento máis común e máis identificativo dos relatos. Falamos, xa que logo, dunha narrativa de estilo, desas nas que non importa tanto o que se conta como a maneira de expresalo.

Andreia Costas escribe con forza arrebatadora e cunha contundencia que noquea ao lector. A base de frases curtas, nas que a palabra xusta encaixa no lugar preciso coa certeza dun bisturí, a autora amosa a súa alma de poeta a pesar de deixar o verso temporalmente de lado. Xa temos falado nalgunha outra ocasión de que os e as poetas que un día deciden escribir prosa, a miúdo delátanse por esa precisión na palabra que só en contadas ocasións atopamos nos narradores máis tradicionais. Pois ben: este caso non é unha excepción. E faino, a maiores, cunha fluidez que aparenta, e só aparenta, unha escrita case improvisada pero que agocha moito máis traballo de corrección e puído do que a primeira vista pode parecer.

As tramas son diversas e están cheas de personaxes afoutos e arriscados (principalmente mulleres) que a autora coloca en situacións límite. Dende esa posición, destilan forza, ás veces raiba, en ocasións lirismo, a miúdo desesperanza, pero sempre loitan contra uns medos que son quen de encapsulalos no seu día a día. E ao rachar esas cápsulas fan tanto ruído que o lector non pode menos que sorprenderse da maioría dos desenlaces destes textos. A mar de fondo dos relatos acostuman a ser cuestións de tipo social, referencias á igualdade e sempre a procura da liberdade e dun pouco de aire para respirar no medio de tanto abafo.


Por todo isto, pola súa creatividade, pola escrita delicada, por sacar vendas de diante dos ollos e por rabuñarnos o entendemento coas súas palabras, damos a benvida a esta autora e agardamos as súas novas entregas.

Andreia Costas
«Corazón de vaca e outras vísceras»
Urutau
146 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s