FRANCISCO CASTRO: «O cemiterio de barcos»

Francisco Castro regresa de novo á novela xuvenil, un territorio no que xa ten demostrado que se desenvolve con soltura, para presentarnos unha narración que se move en dous planos diferentes. Por unha banda, unha fermosa historia de amor entre dous adolescentes que é todo un alegato contra a violencia de xénero, e pola outra, unha nova inmersión nas consecuencias dos abusos derivados da guerra civil española, tal e como fixera coa súa anterior entrega «Tantos anos de siencio».

O protagonista é David, un mozo adolescente que, coma todos os veráns, vai pasar un tempo á vila natal do seu pai, malia que ese ano en concreto non lle apeteza o máis mínimo. Pero ao pouco de chegar coñece a Lucía, unha rapaza coa que rapidamente establece unha conexión moi especial. Lucía mantén unha relación tóxica con outro veciño, fillo do cacique local e excesivamente pagado de si mesmo, na que o dominio, o control, a posesión e o abuso, son parte do día a día. A moza deberá desprenderse desta relación, non sen esforzo, coa axuda de David, que guiará os seus pasos cara a esa ruptura. Aí é onde se debuxa a fermosa historia de amor entre estes dous rapaces, que agocha, ademais, algunhas das páxinas máis inspiradas da novela.

O cemiterio de barcos ao que fai referencia o título é un antigo estaleiro abandonado, onde os rapaces corrican de cando en vez. Un día descobren nas ruínas do edificio a un vello con aspecto de mendicante. A chegada desta personaxe á vila será quen de abrir a caixa dos tronos e de sacar do esquecemento a historia que antes apuntabamos, relacionada cos abusos do franquismo que se extenden ata a actualidade. David e Lucía veranse involucrados nas pescudas necesarias para reparar unha inxustiza histórica e, de paso, tratar de deter certa operación especulativa que ameaza con rachar a tranquilidade da vila e na que está implicado o pai do seu mozo, o antedito cacique local. Velaí os dous planos diferentes de que falabamos nas primeiras liñas, perfectamente ensamblados.


Son moitos os temas que aparecen nesta novela: amor, paixón, violencia, posesión, memoria histórica, inxustiza, corrupción, intrigas familiares… Algúns están pouco máis ca perfilados, pero outros son tratados a fondo a través dunha historia de desenvolvemento áxil e de lectura doada. Cunha linguaxe clara e directa, sen grandes adobíos e a través de capítulos breves, Castro mergúllanos na trama dosificando a intriga e aportando novos azos ao lector a través de certos xiros máis ou menos previsibles, pero que axudan a manter a tensión narrativa.

Unha vez máis, só me resta lembrarvos que non lle fagades moito caso ás categorizacións das novelas. Achagádevos a ela sen prexuízos porque, cando está ben escrita, non importa para que tipo de público foi pensada: todos, mozos e maiores, gozaremos da súa lectura.

Francisco Castro
«O cemiterio de barcos»
Galaxia
292 páxinas

Un comentario en “FRANCISCO CASTRO: «O cemiterio de barcos»

  1. Pingback: Francisco Castro | Crítica de O CEMITERIO DE BARCOS

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s