SAMUEL MERINO (Pompa e Boato): «Guantanamera (Poema nun só acto)»

Primeiro poemario en galego de Samuel Merino, logo de dous textos en castelán («Enésima patada con amor» e «Trementina») que son dúas auténticas esgazaduras polas que esborrexe, pinga a pinga, a alma do autor. Naqueles primeiros versos, asinados baixo o pseudónimo de «Pompa e Boato», o poeta semella reconstruirse logo dun particular descenso aos seus propios infernos. A poesía, xa que logo, como catarse, como xeito de reinvención e de renovación, como esa galla á que se aferrar para sobrevivir.

Unha vez feita esa viaxe, o que agora nos ocupa en «Guantanamera» é un xogo metaliterario no que se misturan poesía e teatro. De feito, por momentos semella un texto pensado para as táboas, para ser recitado e, ao tempo, representado sobre un escenario, con luz escasa e un gran espello ao fondo no que reflectir os pensamentos do autor a través do movemento dos corpos nunha especie de danza poética. Sabemos da súa vinculación coa compañía teatral Xerpo e que incluso escribiu algún texto como parte desa catarse da que falabamos, pero o que agora se nos presenta, a pesar do seu formato, é o que define o seu subtítulo: un poema. E falo dunha única unidade porque os textos que o integran son, en realidade, fragmentos dun longo poema que percorre todas as páxinas do libro, a pesar de que veñan presentados coma un «dramatis personae», escenas e mesmo acoutamentos dunha peza teatral.

O que atopamos é o «eu poético» de Merino que semella comprobar o resultado desa reconstrución persoal realizada nos primeiros poemarios. É coma se se detivese a verificar que todo está no seu sitio e que a reinvención vai por bo camiño, mais a realidade amósase teimuda e o caos e a falla de equilibrio que seguen a dominar o mundo fan perigar o avance. «Eu non sei nada deste mundo / tal e como eles o entenden. / Mais entendo o mundo / perfectamente feito / á medida deste coñecemento / debilitado / fráxil / correúdo / da palabra no poema». Velaí a dicotomía entre a realidade e a súa idealización, enfrontadas en versos sinxelos e directos que nacen dende o fondo da alma; versos enchidos de sinceridade e de verdade, sen adobíos nin florituras; deses que mancan cando se len, deses que marcan cando se adentran en nós, deses que de ningunha maneira nos van deixar indiferentes.

Abrolla, xa que logo, un certo pesimismo de corte existencial ao longo do poema, mais a mensaxe é clara: a reconstrución é necesaria e a loita debe seguir. Non hai outra vía. Pese aos medos e pese á angustia que provoca. Tal e como explica Irene Moreira no epílogo, as imaxes coas que se constrúe «Guantanamera» colocan ao autor «entre a persoa que fuches e a que queres ser». Velaí está: a catarse continúa…

Samuel Merino (Pompa e Boato)
«Guantanamera (Poema nun só acto)»
Urutau
60 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s