TERESA RÍOS: «Iris Atalaia»

Segundo poemario de Teresa Ríos logo da publicación este mesmo ano de «Non estamos preparados para medrar», que fixo de carta de presentación pública da autora. Mais se naquela ocasión centraba a súa ollada nun pasado alonxado no tempo retrotraéndose á inocencia e a idealización da infancia para confrontala co presente, o que agora nos ofrece é unha visión moi persoal da actualidade, do día a día que nos tocou vivir. A propia autora ten confesado que este poemario foi escrito en gran parte durante o encerro provocado pola pandemia e non resuta difícil atopar referencias a tal circunstancia ao longo dos seus versos.


Mais non é un libro monotemático e son moitos os temas que aparecen no texto, ás veces de maneira explícita, outras simplemente suxeridos. E coma se a poeta se detivese a reflexionar sobre todo o que a rodea e sobre as circunstancias que nos empurraron cara a esta catástrofe sanitaria, dende a atalaia que anuncia o título da obra. Hai moitas referencias á soidade e ao illamento, pero tamén reflexións profundas sobre as razóns que nos conduciron a esta situación. Aí é onde aflora a autora máis rebelde e contestataria, tan presente en todo o seu traballo poético, a que reprende o comportamento do poder que engaiola ao individuo impedíndolle desenvolverse por si mesmo, a que lle recrimina a súa pasividade ou, aínda peor, a súa agresividade, e a que anima a defenderse desa agresión. «A loita nunca é estéril. / O noso bafo na caluga / fai medrar o seu nerviosismo».

Trátase dunha procura interior reivindicando a nosa propia fortaleza para facerlle fronte a calquera situación; reivindicando o papel da muller e, nomeadamente, o das nosas devanceiras, que encerraban toda a sabedoría da experiencia; reivindicando unha volta ás raíces no entorno natural que poboa todo o poemario, preñado de flores, paxaros e regatos; reivindicando, en resumo, a propia individualidade dentro do colectivo ao que pertencemos e que nunca debemos ignorar. E entre todas estas reflexións, a arma máis poderosa do universo, o amor, aparece reflectido non coma un xeito de dependencia, senón todo o contrario: como o complemento que nos axuda a enfrontarnos a unha vida que non sempre resulta doada nin sinxela. Velaí a ruptura co ideal romántico e máis a póla á que nos aferrar para adentrarnos neste poemario e comprender o que Teresa Rios nos ofrece.


O seu estilo é claro e directo, mais non sempre as imaxes que ofrece son diáfanas. E iso obriga ao lector á reflexión sobre cada verso e cada poema para afondar no pensamento da autora e nas súas interpretacións da realidade. Así, hai intres líricos, intimistas, bucólicos, amorosos, argalleiros, familiares, mesmo tribais, pero todos eles agochan un berro de esperanza vivificadora coa que enfrontarnos á realidade. E iso xa é un aliciente poderoso para adentrarnos neste poemario.

Teresa Ríos
«Iris Atalaia»
Medulia Editorial
90 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s