LEDICIA COSTAS: «Golpes de luz»

Ledicia Costas volve a adentrarse na literatura para adultos con esta sorprendente novela relatada a tres voces polos seus principais protagonistas: Xulia, unha xornalista que acaba de separarse e que, dende Madrid, decide regresar a Galicia, á casa da súa nai; Luz, esa nai de carácter forte e personalidade arrasadora que, a piques de cumprir os 80 anos, aínda agocha unha morea de segredos e un espírito rebelde; e Sebas, o fillo de Xulia, que está convencidísimo que a súa avoa, Luz, que sempre leva un martelo consigo, é a reencarnación de Thor, o deus da mitoloxía escandinava.

Este tríptico de personaxes serán os relatores dunha narración na que irán aflorando as relacións familiares, a saúde mental na vellez e a necesidade de coidados, as dificultades para conciliar a crianza dun fillo, a procura da verdade agochada, o acoso escolar ou a fantasía infantil, tendo como pano de fondo o narcotráfico nos anos 90, época na que o pai de Xulia desparece sen deixar rastro e que ten á xornalista obsesionada por mor do mutismo da súa nai respecto deste asunto. Con tales premisas, Ledicia Costas desenvolve unha novela brillante na que é quen de entretecer escenas cargadas de dramatismo con outras hilarantes e ata tenras, sen que o resultado final incomode ao lector.

O recurso dos tres narradores, pertencentes a outras tantas xeracións, paréceme un dos grandes acertos deste traballo. Cada un vai dando a súa propia visión dos acontecementos que conforman a trama dende o seu particular punto de vista, o que require por parte do lector un exercicio extra de empatía para comprender as razóns que empurran a cada un deles a actúar como actúan, algo que non sempre resulta doado. Cada un deles emprega, ademais, a súa propia linguaxe perfectamente diferenciada: a narración abrupta e arroutada de Luz, preñada de sabedoría e retranca; a máis harmónica e tradicional de Xulia, testemuña un tanto pasiva dos acontecementos; ou a tenra e dulcificadora de Sebas, cargada de inocencia e de imaxinación.

Destaca con forza a personaxe da avoa Luz, contraditoria e irreverente, que se alza como eixo central da narración sen apenas esforzo. As súas saídas fóra de ton, as súas accións arroutadas e impulsivas, mesmo as difíciles conversas que mantén coa pantasma da súa propia nai, debuxan unha muller que está de volta de todo e que domina o seu espazo ou, cando menos, aparenta dominalo. Mais o retorno á súa vida da filla e do neto van rachar a súa zona de confort reventándoa en anacos. As relacións con Xulia son difíciles, pois a moza está empeñada en controlar os detalles do seu día a día porque considera que Luz xa non se pode valer por si, pero a conexión co neto é practicamente instantánea, converténdoo no eixo sobre o que facer pivotar a súa propia existencia.

A ausencia dese pai fuxidío que obsesiona a Xulia é quen de cohesionar a trama ao seu arredor, o que nos leva a un desenlace sorprendente sobre o que non darei máis pistas para que o lector as descubra por si mesmo.

Ledicia Costas
«Golpes de luz»
Xerais
288 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s