Algúns consellos para os Reis Magos

É tradición neste Andel colocar algúns libros para nenos cando chegan as datas do Nadal e este ano, por aquilo de manter as nosas vellas teimas, traemos dúas obras que de seguro farán as delicias dos máis pequenos (e dos non tan pequenos, que nunca somos demasiado vellos para deixarnos enredar por unha obra ben escrita). Pertencen a dous autores que non dubidamos en considerar clásicos: Manolo Rivas e Xosé Neira Vilas, que é tanto como dicir dúas apostas sobre seguro. Teñámolos moi presentes á hora de redactar a nosa misiva aos Reis Magos.

MANUEL RIVAS: «A nena lectora»

«A nena lectora» é o segundo volume da colección «Pequena memoria», destinada a difundir entre os máis pequenos algúns retallos da nosa historia, polo que amais do seu valor literario habería que engadirlle a compoñente pedagóxica e divulgativa. Esta proposta de Manolo Rivas achéganos á cidade da Coruña nos derradeiros estertores do século XIX e albores do XX, cando se produciu na localidade un importante florecemento da cultura entre as clases máis desfavorecidas, do pensamento progresista e da solidariedade, coa proliferación de ateneos, bibliotecas de barrio e pequenas escolas.

No balbordo case revolucionario que se vivía naqueles tempos de loita pola dignidade obreira, sobresaíron, entre outras, as iniciativas das mulleres da Fábrica de Mistos e Tabacos. Na súa teima pola dignificación dos seus oficios e dos seus postos de traballo, chegaron a desenvolver ideas tan interesantes como a de contratar nenas que lles lesen os clásicos da literatura mentres elas desenvolvían as súas tarefas. Unha das «nenas lectoras» é a protagonista desta marabillosa narración de Rivas.

Nonó é unha rapaciña procedente dos arrabaldes da cidade vque soña con desenvolver tal cometido, aguilloada polas historias que lle relata a súa nai. Ávida lectora, ao seu carón viviremos o ambiente que se respiraba na Coruña de entreséculos acompañándoa por distintos lugares e situacións. A historia compleméntase coas fermosas ilustracións a páxina completa de Susana Suniagua que nos axudarán a mergullarnos no ambiente descrito.

«A nena lectora» é un deses libros que iluminan a infancia, que nos fan soñar e que nos axudan a descubrir que eses soños agochan un poder incalculable.

Manuel Rivas
«A nena lectora»
Ilustracións de Susana Suniaga
Xerais
40 páxinas

XOSÉ NEIRA VILAS: «De cando o Suso foi carteiro»

De Neira Vilas pouco podemos engadir a todo o que se ten escrito sobre el. É un dos grandes patriarcas das nosas letras e a Editorial Galaxia tivo a feliz iniciativa de recuperar unha parte do seu traballo a través da Biblioteca Neira Vilas. O que hoxe traemos a este andel é unha reedición da novela para nenos «De cando o Suso foi carteiro», inicialmente publicada no ano 1988.


Seguindo a estela deixada polo celebérrimo Balbino nas «Memorias dun neno labrego», Neira Vilas volve a mergullarnos no mundo da infancia no rural galego que el coñeceu para narrarnos as aventuras de Suso. O seu pai acaba de recibir a encarga de responsabilizarse da estafeta da aldea e, como era tan habitual naqueles tempos nos que as faenas da casa recaían en todos os membros da unidade familiar, encárgalle a Suso facer de enlace na recepción e envío das cartas dos seus veciños. Así, o pequeno protagonista terá que percorrer a diario os camiños para acudir a unha encrucillada na que encontrarse con Xaquín e facer o intercambio.

Neira Vilas aproveita estas viaxes de Suso para describir a vida tranquila na aldea, tan diferente da infancia actual que de seguro sorprenderá a máis dun cativo que teña a oportunidade de mergullarse entre as súas páxinas. Unha lectura sinxela, divertida e moi recomendable para todas as idades, coa que descubrir ou recuperar a inocencia perdida da nosa infancia.

Xosé Neira Vilas
«De cando o Suso foi carteiro»
Ilustracións de Kristina Sabaite
Galaxia
80 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s