XOSÉ MONTEAGUDO: «Eternity»

Xosé Monteaguro volve a sorprendernos coa súa nova novela, «Eternity», que chega a nós avalada polo premio de narrativa breve Repsol do ano pasado. Nesta ocasión o autor indaga sobre a eterna arela de transcendencia alén da morte, pois a trama desenvólvese arredor da creación dunha empresa tecnolóxica (que presta o título ao relato), ideada para preservar a memoria dos falecidos. Un auténtico cemiterio virtual ateigado de narracións do que foron as vidas dos seus inquilinos, relatadas por familiares e amigos. Deste xeito achégase á idea da morte dende unha perspectiva diferente, pois o protagonismo está na reconstrución das vidas dos mortos, no recurso da memoria como bálsamo para aliviar a perda do ser querido.

Mais a idea de transcendencia, da morte ou da memoria, non son as únicas que pairan ao longo das páxinas desta novela, pois a propia creación da empresa partindo practicamente de cero, dá pé a inserir reflexións sobre a precariedade laboral e o tan manido emprendemento como forma de afianzar esa precarización, sobre a dixitalización de todo canto atinxe ao ser humano (mesmo a morte), sobre a necesidade de compartir as nosas vivencias cos potenciais lectores da páxina… Mesmo sobre a nosa memoria individual, pois a protagonista do relato, Alba, terá que mergullarse no seu propio pasado ao longo dunha historia paralela coa súa nai como personaxe principal, que a conducirá a un coñecemento un pouco máis profundo da súa realidade.

Con todo, a parte máis interesante, ao meu entender, son as reflexións que se espallan ao longo de toda a novela sobre o propio oficio da escrita. Alba entra a formar parte da empresa, xunto a un grupo de enxeñeiros informáticos, polo seu dominio de varios idiomas e pola súa capacidade de redacción: a súa misión é a de revisar e corrixir os textos enviados polos familiares dos falecidos, mesmo axudar a darlles unha forma suxestiva para o lector. Monteagudo entra, deste xeito, nunha especie de xogo metaliterario no que trata de buscar os alicerces sobre os que se asenta o relato, calquera relato, para captar a atención do lector, así como a fluidez e a estética da narración como atractivos para a súa lectura. Algo que, dun xeito ou doutro, acaba por zarrapicar a propia novela.

O emprego da primeira persoa como recurso narrativo dálle pé a profundar na personaxe principal e na súa relación co resto do grupo e, principalmente, coa súa propia nai, pero tamén cun entorno que, de primeiras, semella difícil para Alba e ao que se irá afacendo no decurso da trama. O resultado é unha obra de lectura áxil, cun ritmo axitado, que atrapa ao lector a través das varias historias que se misturan na narración. O autor emprega unha prosa transparente e puída que empurra páxina a páxina, algo xa habitual na escrita de Monteagudo, unha das máis limpas da nosa literatura. Todo isto dota o relato dunha enorme fluidez que, de seguro, non deixará indiferente a ninguén.

Xosé Monteagudo
«Eternity»
Galaxia
200 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s