
Charo Pita vén de deixar, unha vez máis, a súa zona de confort; abandona por un intre a literatura infantil e xuvenil para presentarnos un monllo de relatos dirixidos ao público adulto, nos que amosa a súa capacidade fabuladora e a súa habilidade para sorprender ao lector, algo que sempre resulta moi de agradecer. «Retratos en branco e negro» é unha colección de 14 contos de distinta extensión que, maiormente, entrarían na categoría de «relato breve» –mesmo na de «microrrelato»–, agás o que pecha o libro, o máis longo de todos. Neles, a autora xoga coa realidade, a ficción e a tradición oral, ata acadar unha ensamblaxe precisa e certeira.
Trátase de historias de diversa temática e factura que teñen en común que están protagonizadas por mulleres, o que nos leva a pensar nun explícito recoñecemento (máis ca reivindicación) da feminidade, e nas que aboia claramente o extraordinario ou o máxico, mesmo o pantasmal, acadando unha convivencia plena coa realidade máis cotiá. Deste xeito é quen de falar de cuestións de plena actualidade dende unha perspectiva orixinal e sorprendente. Un achegamento ao realismo máxico dende unha óptica que me atrevería a cualificar de enxebre polas numerosas connotacións que arrastra polas súas páxinas, xa que esta é unha viaxe polos arredores da oralidade máis nosa.
Ese apego á tradición oral non se deixa ver só en canto á temática, bastante evidente nalgúns casos, senón, sobre todo, no xeito de contar, nese estilo narrativo directo e sen adobíos no que percibimos sen disimulo a pegada dos grandes contadores de contos, fonte da que Charo Pita non deixa de beber unha e outra vez. En moitos dos relatos agroma ese aroma a lareira, a leña queimada, a castañas cocéndose entre as brasas… e a arrepío! Ao seu carón, outros nos que poderiamos falar de actualización das premisas desa tradición oral nun esforzo por poñelas ao día, pois afástanse un chisco do elemento máis popular sen abandonalo completamente.
E xa que falamos de arrepíos e pantasmas, non podemos esquecer que, de cando en vez, algunha das personaxes que protagonizan o seu propio relato fai pequenas aparicións nos contos que non lle corresponden. É coma se fosen espíritos erráticos na procura do seu propio espazo. Un recurso que, amais de sorprender, axuda a consolidar a unidade de todo o conxunto.
A linguaxe é, como dicimos, clara e directa, como corresponde a un bo contacontos. Frases curtas, diálogos abundantes, numerosas expresións coloquiais… E con todo iso, Charo Pita é quen de argallar un certo lirismo que rezuma con fartura entre as páxinas desta interesante colección de relatos.
Charo Pita
«Retratos en branco e negro»
Galaxia
98 páxinas