VV.AA.: «Entre donas»

O papel da muller na narrativa galega contemporánea (e na literatura en xeral) está a ser cada vez máis relevante e son moitos os nomes de mulleres que non só agroman entre un auténtico maremagnum de homes que dominan e controlan o sistema literario, senón que lles prantan cara, no mellor sentido da palabra. O eterno sobredimensionamento do home na literatura toca ao seu fin e este libro de Baía Edicións, no que recompila dez relatos de escritoras galegas actuais, é unha boa proba destas palabras. Son elas as que asumen o papel principal como autoras e tamén como protagonistas, poñendo en xaque a supremacía masculina no eido da narrativa galega.

Por suposto, isto non é un capricho nin algo que abrolle do nada, senón a evolución lóxica do que está a acontecer na nosa literatura nos últimos anos, onde a presencia feminina é cada vez máis constante e de maior calidade. Mulleres escritoras –e boas escritoras–, hóuboas sempre, non nos enganemos; pero nunca ata o de agora conseguiran uparse ata as posicións que agora ocupan dentro do noso masculinizado sistema literario. E para entendelo non hai máis que botarlle unha ollada á lista de autoras que forman parte desta colección; unha riola incuestionable, se mire como se mire, pois todas e cada unha delas teñen demostrado sobradamente a súa valía: Marilar Aleixandre, Marica Campo, Rosalía Fernández Rial, Inma López Silva, Teresa Moure, Emma Pedreira, María Reimóndez, Eli Ríos, Anxos Sumai e Antía Yáñez. Unha listaxe de primeiras e multipremiadas figuras, algunhas con dilatada experiencia, outras máis novas, pero a todas luces incuestionable. E por se iso fose pouco, pecha o libro un magnífico epílogo a cargo de Ana Luisa Bouza, no que analiza o papel das escritoras na tarefa de rachar estereotpos de xénero e a asunción de roles cos que rematar coa desigualdade imperante na nosa sociedade.

En canto aos relatos en si, pouco teño que engadir respecto da evidencia de que, vendo a listaxe de autoras e coñecendo minimamente a súa traxectoria, non cabe esperar outra cousa que non sexa unha colección de temas e de tratamentos moi variados, algúns, certamente orixinais. E que, se algún nexo podemos atopar entre eles, é, precisamente, a prevalencia feminina en canto a autoría e protagonismo, e escenarios nos que contrapoñer a dominación masculina imperante e nos que darlle un novo significado aos arquetipos máis clásicos redibuxándoos con trazos novos. Ás veces, mesmo provocando mancaduras no máis fondo de nós. Toda unha lección de literatura e de feminismo.


Como acostuma a acontecer neste tipo de libros, o resultado é desigual, pero estou seguro de que dacaquén atopará aquel relato que máis se axuste ás súas preferencias estéticas e temáticas e de que serán moi poucos os que escapen de entre as súas páxinas sen algunha nova rabuñadura no seu entendemento.

VV.AA.
«Entre donas»
Baía Edicións
208 páxinas

Un comentario en “VV.AA.: «Entre donas»

  1. Pingback: VV.AA.: «Libres e vivas» | O MEU ANDEL

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s